2017/11/01

O mundo é complicado, por algo o principio de precaución

Iso do 'principio de precaución' non parece estar moi de moda. Non obstante, cada vez se ve máis a súa necesidade no complexo mundo no que vivimos. E cada vez se nota máis a súa falta en relación a cousas como o cambio climático ou o furado de ozono.
O mundo é complicado, pois as múltiples relacións que no seu interior se desenvolven poden convertir a priori calquera causa en produtora de calquer efecto, e só un estudo moi minucioso pode aportar certas garantías de que se chegará ó efecto desexado e non a outro. Estamos afeitos ás simplificacións necesarias para poder estudar, chegar a conclusións e predicir no mundo físico. E de tan afeitos, parece que nos esquezamos das simplificacións que estamos a facer. Ás veces, tamén, o esquecemento é interesado (e aí entraría a teoría de xogos para comprender a nosa actuación para tentar sacar máis melloras que os demáis, aínda con custe neto para o conxunto) pero iso non entra xa dentro das consideracións que espero traer hoxe aquí.
O caso é que nunha volta de xiro, agora resulta que o mesmo que hai sistemas que tenden a desestabilizarse máis cando se comezan a desestabilizar (aí, a liberación de grandes cantidades de CO2 polo permafrost ó aumentar a temperatura deste e desfacerse), apareceu un novo sistema que contribúe á estabilización da temperatura por captura de CO2, mitigando o efecto invernadoiro. Trataríase dos bosques boreais, a traverso dun mecanismo sinxelo: se a temperatura media sube, a súa capa verde está menos tempo cuberta pola neve, e iso implica que pode realizar a fotosíntese máis tempo, aumentando a fixación de dióxido de carbono.
Así pois, descubriuse un novo aliado no cambio climático. Iso non quere dicir que xa teñamos a vitoria, nin moito menos! Pero ao menos, da unha oportunidade máis para que demos feito os cambios necesarios para mitigar algo o cambio, preparándonos a nós e ó planeta para o aumento das temperaturas e facendo que sexa o máis pequeno posible.
Lembremos: a Terra está en un equilibrio complexo que levamos moito tempo empurrando para desequilibrar. Agora, xa o logramos, e ese desequilibrio vemos como leva consigo cambios que nos pode levar por diante... Non estou seguro que o noso nivel de comprensión sexa abondo para actuar como debéramos. Polo momento, non foi así.
Temperatura dos océanos. Imaxe no dominio público, collida de gl.wikipedia.org creada pola NASA

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.