2017/03/20

Primavera

Dende as 11 e 28 minutos, hora legal na España peninsular, deste 20 de marzo de 2017, estamos na primavera. Hoxe o Sol estará por riba do horizonte máis tempo que por baixo (aínda que non o vexamos, como no caso de Ribadeo). No momento do cambio inverno-verán, a posición da Terra e o Sol era tal que a liña recta pasando dende o centro do Sol ó centro da Terra pasaba xusto polo ecuador.
(O punto vermello, posición aproximada de Ribadeo este amencer. O plano do debuxo é o formado pola liña Terra-Sol e o eixe de rotación da Terra)

2017/03/17

Avisando a Feria da Ciencia de Ribadeo 2017, XXIII edición

Irán saíndo cousas na wiki Feiras de Ciencia.

Esas rochas de aí arriba...

A imaxe anterior, tomada da Galipedia, pero no dominio público, creada por Mdf, representa os asteroides localizados no sistema solar. A diferente cor representa o diferente tipo/clasificación segundo o seu movemento.
Son moitos, verdade? Pero a) non están nin moito menos todos os coñecidos, e b) hai moitos máis sen descubrir, normalmente máis pequenos,e mesmo dos que están descubertos, os erros no cálculo da súa órbita ás veces son grandes.
Ven a imaxe a conto de que o pasado 2 de marzo un asteroide ó que se lle puxo o nome de 2017EA pasou a unha distancia da superficie terrestre de menos de 15 000 km (pouco máis que o diámetro da Terra), menos da metade da altura dos satélites xeoestacionarios, dos que xa temos unha constelación enteira ó noso servicio.
Din os científicos que o obxecto ten un diámetro duns 3 m (cabe na caixa dun camión pequeno), unha masa duns 21 000 kg (ou sexa, densidade non moi diferente á do ferro)e pasou a unha velocidade duns 20 km·s-1 (unhas cen veces máis rápido que os avións de pasaxeiros). E que foi descuberto só unhas 6 horas antes da máxima aproximación. Ou sexa a unha distancia equivalente á que se atopa a Lúa.
É evidente que calquera método de destrución previa a un hipotético impacto contra a Terra, ca tecnoloxía actual, está totalmente descartada... É dicir, estamos tan a mercede dun impacto dese tipo como o estarían os dinosaurios.
Claro que o impacto contra a Terra sería dunha magnitude moito menor que o que se cre que causou a extinción dos animais prehistóricos, pero da unha idea da exposición á que estamos submetidos, da pouca cousa que somos. Algo que se ve suplementado con outro dato: dende hai uns 30 anos temos constancia de que uns 500 bólidos dunha categoría semellante impactaron contra a atmosfera, queimándose antes de chegar á superficie da Terra; algo menos de 20 cada ano. Abondo menor, por outra parte, do que impactou en Rusia hai catro anos e que foi ampliamente documentado. Asteroide que, por certo, só foi detectado ó entrar na atmosfera terrestre...
Para saber máis: asteroides próximos á Terra (xa detectados, claro!)

2017/03/01

Trappist-1, eses novos coñecidos

Deixo embaixo unha imaxe clarificadora. Trátase da comparación entre os corpos do 'noso' sistema planetario estelar, o sistema solar, e os do sistema Trappist-1, con planetas recén descubertos. O seu sol ten un diámetro que excede só lixeiramente o 115% do de Xúpiter (algo así como a relación entre a Terra e Marte, con menos diferenza). A información actual na wikipedia é tamén abondo explícita, dando, por exemplo, períodos orbitais dende 1,5 a 20 días, o que producirá, se as teñen (é dicir, se teñen o seu eixe de xiro sobre si mesmos inclinado en relación ó eixe de xiro en relación á estrela), estacións astronómicas de duracións de 9 horas a 5 días. Polo que parece, os tres centrais dos descubertos estarían en zona habitable (equivalente á zona na que a auga pode estar líquida), mais polo momento descoñécese a existencia de auga para dar lugar a unha vida tal e como a coñecemos, baseada no carbono, aproveitada da disolución en auga e con elementos principais C, H, O, N.
Velaeiquí:
By ESO/O. Furtak - http://www.eso.org/public/images/eso1706d/, CC BY 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=56526979

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.