2017/05/24

Como un neno cun xoguete novo: Photonics explorer

Hoxe fun a recibir un equipo para o centro. As miñas expectativas eran baixas: un equipo máis de prácticas cando non hai tempo para facer prácticas cos equipos que hai -si, xa obsoletos e ós que se lles nota o paso do tempo nos seus aparellos-. O certo é que recibín unha agradable sorpresa que non estrearei mañá cos meus alumnos porque é convinte -que non necesario- encaixar a práctica coa teoría correspondente...
O equipo parece de xoguete. É un equipo... En realidade é sinxelo, versátil, duro, potente, exacto e pensado e realizado con esmero, destinado ó ensino medio pero que o sobrepasa tanto por idades máis baixas como por idades máis altas. 10 conxuntos de pezas que dan para un grupo enteiro de aula. Pouco que ver cun xogo de ciencia tradicional para o agasallo de reis, mais tamén abondo afastado dos equipos que os centros educativos teñen para a realización de prácticas (e que moitas veces durmen o soño dos xustos nas estanterías ou armarios, por diversas causas)
E é que non é un equipo de prácticas, senón un 'kit educativo'. Quizáis o de kit en troques de equipo haxa que perdoalo por ser concebido por un grupo internacional con traballo orixinal en inglés... que agora se pode atopar tamén en galego, entre un feixe doutras linguas. E o que propón non son 'prácticas', senón módulos educativos, que poderíamos traducir por conxuntos de actividades -8, nun senso amplo- orientadas a ampliar as capacidades científicas dos seus usuarios.
Hoxe só xoguei con dúas, con outros compañeiros. Abondo para desexar que chegue o día de usalas na clase. Antes, claro, xogarei eu un pouco co equipo.
Mais vexo que só deixei traslocer o que estimo que son propiedades do equipo e sentementos meus, sen máis descrición doutro tipo. Non vai ser a única vez que o equipo saia no blog, e a descrición irá saíndo, pero non podo escamotear que podes atopar máis información en diversos lugares, como en http://www.usc.es/xuvenciencia/aula/gl/PhotonicsExplorer.htm, http://photonics-explorer.eu/ ou en facebook.


Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.