2014/10/28

O cambio climático non só é global: tamén é local

Estamos tendo un tempo que diriamos excepcional. Indo ós rexistros, confírmase que é moi bo para a época, pero tampouco tan excepcional.
Estes días pasados rematou nos xornais a nova de que este ano está sendo o de temperatura media máis elevada que se ten rexistrado. E a iso ía: tamén en Ribadeo.
Collendo os datos da Estación Meteorolóxica automática da Granxa Pedro Murias, podemos chega ó seguinte gráfico:
Representa a temperatura media dos días transcorridos ata a data sinalada no eixe inferior en cada ano dos que levamos do século. O actual, 2014, ten sinalada a mesma temperatura dende hoxe ata fin de ano, e vemos que a media actual supera en máis dunha décima de grao o ano seguinte en temperatura media por estas datas, 2001, que queda outras dúas décimas por riba dos dous seguintes, 2011 e 2006, e moi apartado da raia grosa que representa ó ano pasado, 2013, que a estas alturas de ano ía coa media máis baixa do século.
En poucos días as medias comezarán a baixar, pero polo momento, coa previsión que poño embaixo, subministrada por meteogalicia, a media aínda seguirá aumentando ata domingo, e diferenciándose de anos pasados. E así, tamén en Ribadeo, como no resto do mundo, este ano leva todas as de ser o máis caloroso rexistrado.
--
Esta entrada participa na LVII Edición do Carnaval de la Física/Antroido da Física, co blog anfitrión deste mes Divulgación

Publicar un comentario
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.