2013/11/04

Torres solares, física e ... economía?

Unha torre solar é ... Ben, cíngome a unha imaxe da wikipedia:
Teriamos un ascenso de aire que pode producir electricidade nunhas turbinas. O ascenso do aire está propiciado por unha torre que absorbería calor e llo pasaría ó aire, que quencería a polo tanto baixaría a súa densidade, ascendendo e 'chupando' o aire da zona baixa, que tamén estaría precalentado por efecto invernadoiro baixo dunha zona protexida, aumentando así a potencia.
A cousa é que canto máis radiación absorba a torre, máis potencia, máis aire absorbido, maior produción elećtrica, ... E canto máis superficie de recolección, maior cantidade de aire, e máis potencia, ... E canto máis alta sexa a torre, máis tempo a quencer, e maior diferencial de densidade, e máis potencia ...
Deixemos a unha beira que o rendemento termodinámico da central sexa abondo pequeno por conseguir relativamente pequenas diferenzas de temperatura co entorno: A sociedade mal organizada tamén ten ineficiencia na súa base. E sigamos. Se temos a superficie como o corpo social, o vento que move as turbinas como o traballo, e a torre como o grupo privilexiado [corpo social 'elevado'] que recolle o vento e é o que ostenta á vista o rendemento, entón, vemos claramente que a máis diferenza social (máis altura da torre), a máis base social (maior área de recollida de aire), e condicións máis negras (maior recollida de radiación), o rendemento enerxético (o aproveitamento do traballo) será maior ... e redundará en quen o poda aproveitar.
Coido que o anterior xa pode dar abondo que pensar, non só en física, senón tamén en economía ou socioloxía, pero por se acaso ...
Por outra banda, o motor, o aire, vai impelido, cantas maiores sexan as dimensións da torre e da central, con máis forza cara enriba. E por alí 'desaparece' ata voltar á liberdade. E isto pasa porque o sistema é aberto. Pero que pasaría nun sistema cerrado dalgún xeito? Pode ser cerrado en moitos sentidos. Poñamos por caso, cerrado pola entrada e saída de aire. Entón, sinxelamente, o sistema non funcionaría, non poderiamos extraer del enerxía dise xeito. E se a central está encerrada, confinada nun espacio pouco maior que a propia central? Entón comezará a funcionar pero o mesmo aire, reciclado, quedará quente á saída e o rendemento termodinámico tenderá a cero co tempo...
Queda a quen esteña lendo o pensar, por exemplo, se o sistema social está collendo recursos dun xeito que a 'central' xa ten un tamaño comparable á zona enteira onde está encravada, ou que pasará se, se para aumentar a eficiencia, subimos máis a altura da torre, con todos os problemas que xera o levantala e o mantela levantada, equivalentes os problemas de ter unha pequena minoría de xente tocando literalmente o ceo, e incrementando a súa altura nunha especie de torre abondo inestable. Ata que punto son comparables as torres termosolares á nosa sociedade?
Esta entrada participa no Carnaval de Física - Antroido da Física que, este mes de novembro, volta á súa casa patrucial: Gravedad Cero.
Publicar un comentario
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.