2013/01/28

A temperie ribadense no 2012 (III)

4.Tendencia
A máis da temperatura e choiva, poden recollerse moitos outros datos meteorolóxicos para dar unha idea máis completa do tempo que pode facer en Ribadeo, ou mesmo sinxelamente, para comparar con outros tempos e lugares.
Mais, coas medidas xa recollidas para as gráficas publicadas con anterioridade, cunha análise máis detallada, poden obterse datos interesantes, sen cansar demasiado. Así pasa por exemplo, cos 14 ºC de media que Ribadeo ten no ano (dato recollido na primeira parte desta serie de artigos) ou as temperaturas medias de meses que poden resultar máis interesantes de primeiras, como xullo (18,4 ºC) ou agosto (19,1 ºC), ou para promocionar, como setembro (17,5 ºC), datos que non é doado atopar nas guías turísticas de Ribadeo, e que pola súa bonanza, coido que deberan figurar.
Para rematar, deixo os últimos dous gráficos, realizados cos mesmos datos da primeira entrega, e que representan os días de cada ano que Ribadeo rexistrou nalgún momento temperaturas por riba de 25 ºC (o superior) e por baixo de 3 ºC. Ambos falan ás claras dunha tendencia que se nota no adianto da primavera ou na floración dalgunhas árbores dúas veces nun ano, co correspondente stress, cansanzo e debilidade do exemplar. Trátase do aumento das temperaturas observadas ano tras ano, que se revela nestes gráficos particulares de xeito máis claro, traducido en que por termo medio cada ano aumenta máis dun día o número de rexistros diarios con temperaturas de máis de 25 ºC, e tamén diminúe do mesmo xeito o número de rexistros diarios con temperaturas por baixo de 3 ºC.
Cos poucos datos tomados, non se pode falar máis que dunha tendencia, pero é unha tendencia que está en liña co tan discutido cambio climático a nivel mundial e á súa orixe nas actividades humanas.
Así, dentro do século, os tres anos con máis días con temperaturas superiores a 25 ºC están incluídos nos catro últimos, sendo os dous últimos os que acadan maior número de días con esa circunstancia. Asemade, os dous primeiros anos do século están entre os tres con menor número de días con algunha medida de temperatura superior a 25 ºC. E de xeito correspondente, tamén os dous últimos anos están entre os catro con menos días con medicións por baixo dos 3 ºC, mentras que os tres primeiros (de 2002 faltan datos do inverno para considerar o ano enteiro) están entre os cinco com maior número de días por baixo dos 3 ºC ....
 Partes anteriores: Segunda parte e Primeira parte

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.