2012/04/24

Un vídeo da XVIII Feira da Ciencia de Ribadeo

Deixo abaixo o vídeo emitido pola televisión de occidente, ORT, que se pode ligar en youtube:

(duración, 16 minutos aprox.)

2012/04/20

Un proxecto de ensino e investigación, relacionado para Xerfa 2012


Facendo e difundindo investigación - 2012

Érase unha vez … un arce. Non unha árbore, non, senón un proxecto dunha Agrupación de Centros Educativos1 (*) a nivel estatal …
Nesas andamos, este curso, tres centros, o Instituto El Cairat, de Esparreguera (Barcelona, Cataluña)2, o IES Pare Vitòria, de Alcoi (Alicante, Valencia)3 e nós, o IES Porta da Auga, de Ribadeo4, en Galicia. Este curso, e o pasado, pois é por dous cursos, aínda que existe a posibilidade de amplialo a tres.
Coido que o título di abondo do que se pretende. Para logralo, o Ministerio de Educación outorgou 8 200 € para o bienio a cada un dos centros participantes para o desenvolvemento de actividades. En compensación, o profesorado implicado en cada centro poñemos o noso traballo, e o alumnado, tamén. Uns e unhas, organizando e espoleando ás outras e outros, e os outros formándose e vivenciando de mellor xeito. Ou así debera ser e se pretende que sexa.
Polo momento, coa maior parte do tempo xa transcorrido, todo vai segundo o previsto. Como indica o título, trátase de que os alumnos teñan un trato de ti a ti con cousas que non se coñecen (nin eles nin os profesores) para coñecelas algo mellor a traverso da investigación. E iso, a mesma xente que a fai e outra que a pode arrodear: de aí o de facer, pero tamén difundir.
A idea naceu de contactos anteriores relacionados coa feira da ciencia. En particular, do paso de diversos proxectos da feira pola Galiciencia de Ourense, ó longo de varios anos, e o contacto con xente de Vigo e de Cataluña. O bo facer e o trato continuado permitiron unha elección inicial de centros que ó final non puido ser total por ter que participar centros públicos, non privados. Para compensar o anterior, seguíronse duas liñas diferentes. Unha, non prescindir totalmente do colexio Alborada de Vigo5, organizando con el os 'Foros Comunitarios' que son parte fundamental do proxecto, aínda que a súa parte teña que facela cubrindo os gastos con fondos propios dos alumnos e do centro6. Outra, o reforzar a parte institucional do proxecto dando acubillo a un centro descoñecido por nós de xeito directo, pero coñecido pola xente de Cataluña e do que, procurando información, obtivemos moi boas referencias como gañador de varios premios a nivel nacional, o IES Pare Vitòria.
Así chegou o comezos do curso 2010/2011 … sen confirmación do proxecto. O dito de que as cousas do Pazo van despazo fíxose valer unha volta máis de xeito que ía ben avanzado o primeiro trimestre cando chegou o 'si' do Ministerio. Daquela xa estaba programada a práctica totalidade de actividades relacionadas co proxecto que viñeron despois: a asistencia un ano máis a Ourense á Galiciencia en novembro, a Feira de Ciencia de Ribadeo e o Foro Intercomunitario coa visita á Coruña no día da Ciencia na Rúa7. A unha máis, a Exporecerca Xove, non presentamos ningún alumno.
Respecto á Feira de Ciencia, pódese ver cantidade de información na web do centro8, na de As Feiras de Ciencia na Galiza9 ou nos xornais do momento, como evento que foi vivido pola totalidade da comunidade educativa, participando boa parte dela de xeito direito. O curso 2010/2011 foi a XVII edición, gozando de boa saúde, presentando un montón de proxectos e intereses na reproducción, difusión e investigación de experiencias, montaxes e problemas diversos presentados por xente dende 1º ESO a 2º bac. E a XVIII edición, deste 2012, 'aínda está quente' e na memoria de todos cando se fai este escrito, continuando na mesma liña que as anteriores edicións.
Na Galiciencia10 mantida no outono do 2010, participaron tres proxectos11 diferentes de catro alumnos, que logo serían repetidos e mellorados na Feira de Ciencia. Algo semellante pasou na Galiciencia 2011, na que participaron cinco alumnos con tamén tres proxectos12. Como en anos anteriores, serviu de xeito de contacto con alumnos doutros centros, de trabar amizade e tamén saber o que se cocía neles a nivel de investigación e actividade educativa en xeral. E de pasalo ben, como pode testemuñar a xente que alí foi. Para todo hai tempo en tres días (e tres noites) en Ourense. As anécdotas, que as houbo, que as conten as implicadas ou implicados. Aquí, dicir tan só que os momentos de exposición, con visita de centros de toda Galicia, foron complementadas con baños nas termas ou unha visita a Ourense, e comentados longamente polas noites. Os proxectos pasaron polo tamiz dos organizadores, o Centro Tecnolóxico de Galicia13, que limitou o número de alumnos participantes de cada centro, a máis da elección de proxectos no interior do IES.
En canto ó terceiro e cuarto pés visibles, o Foro intercomunitario e o día da Ciencia na Rúa, tiveron lugar en maio, en San Vicente (O Grove - Pontevedra) e na Coruña respectivamente, de xeito consecutivo (os eventos deste curso 2011/2012 aínda están por chegar cando se escriben estas liñas). Ó primeiro, con alumnos dos catro centros citados (de Alcoi, Esparreguera, Vigo e Ribadeo) foron presentados 35 proxectos de investigación, e expostos secuencialmente durante dous días por xente de 4º ESO. Ó segundo, onde se uniu máis alumnado do noso centro, pero non participaron os dos outros centros, foi unha grande feira na que participaron máis de mil alumnos duns trinta centros dende o preescolar á universidade, aberta ó público coruñés e galego. Mostra na que, como xa é común, o noso IES era de abondo máis lonxe que o seguinte máis lonxano ...
Ó Foro asistiron con 13 traballos 17 alumnos de 4º ESO do Porta da Auga, que interactuaron de día e de noite cos outros participantes. De alí, o sábado, á Coruña, de onde retornou un autobús enteiro, pois na cidade uniuse a xente voluntaria que quixo, que resultou ser básicamente de primeiro de bacharelato, tanto de ciencias como de letras, pois tanto uns como outros presentaron proxectos para a feira. A xuntanza do grupo que partiu direitamente de Ribadeo co que asistiu ó Grove realizouse nunha área de servizo próxima á Coruña e foi unha cousa curiosa.
A modo de exemplo de como transcorren as actividades do proxecto, no II Foro Intercomunitario, entre outras cousas, houbo reunións correspondentes ó profesorado, realizáronse un cartel e un díptico, adiantouse ó resto dos centros un resume de cada unha das ponencias participantes para unha primeira orientación dos asistentes, houbo presentacións recíprocas dos diferentes centros, fíxose unha visita conxunta, ós asistentes fóilles entregado un diploma de participación e un detalle para lembranza, está en marcha -a piques de rematar- a edición dun libro coas fichas de todos os traballos presentados, realizouse un CD coas fotos do evento, … etc.
Quedan uns meses máis14. Neste segundo curso, o 2011/2012, básicamente estáse a repetir o xa feito o curso pasado en relación á estrutura e eventos, cambiando o Grove por O Carballiño, e non asistindo tampouco, por razóns que non veñen a conto, ós tres días da exporecerca barcelonesa. Naturalmente, está a ser totalmente novo en canto ós traballos presentados. Traballos que na súa case totalidade foron comezados este mesmo curso, e que levarán ós seus autores e autoras a outros lugares da xeografía, a compartir outras experiencias e trabar novas relacións humanas e 'de traballo'.
Antonio Gregorio Montes


(*) Este artigo refírese ó PROXECTO ARCE - Convocatoria 2010 Modalidad A “Investigación haciendo y difundiendo”, aprobado en disposición 18154 [Resolución de 18 de novembro de 2010, da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, pola que se resolve a concesión de axudas das Modalidades A e B destinadas a promover Agrupacións de Centros Educativos para a realización e posta en prática de proxectos comúns (Programa ARCE) - BOE 25/11/2010]15. Os datos están collidos do Informe progresivo 2011 do IES Porta da Auga (cód. 27010945) e dos documentos previos ó Informe final, aínda sen realizar.

6Así se deu o caso no pasado foro, celebrado en O Grove, de que os nosos alumnos viron que ían gratis (os 3 € establecidos polo centro como axuda ó desprazamento) a unha actividade que ós vigueses lles costaba abondo máis, máis de 40 €.
7De todas elas se deu nova no blog do IES, http://portadaauga.blogspot.com
14O proxecto remata oficialmente en novembro. Está previsto nas bases que se poda ampliar un ano máis, a tres, pero non habería que contar con elo.

2012/04/19

18 de abril de 1955: Morre Albert Einstein

Si, hoxe hai anos que morreu unha persoa un tanto especial. Científico grande, si, pero non só por iso. Intervir pola bomba atómica como unha emerxencia e logo velo en perspectiva é só un exemplo.
Aquí, a súa biografía para ter unha idea. Mellor, ler algún dos seus traballos ...

2012/04/18

a metedura de pata do exame

Nun exame aparece un texto cunha cantidade de MeV. Unha pregunta sobre o dato: e ista cantidade de Mendeleiev-Volts ...?

2012/04/15

Educación, PISA, mercado

Métome na rede. Atopo correo unha mensaxe do Guardian que me leva a un blog cunha perspectiva da educación en Finlandia. E, de alí, salto ó informe PISA. Na páxina vexo que podo descargar as diversas partes do informe (incluído o partado de matemáticas e ciencias) en inglés e en francés. Entón, distingo que a primeira parte, correspondente ós resultados, está tamén en español ... se se compra. Hai unha versión en liña, pero non descargable. E penso no título desta entrada:
A educación que se entende por estes lares é cuantitativa, sen importar o fondo, collendo de PISA para o público o que é o propio estudo en bruto, pero sen coller a análise. E aínda así, fáise co método do repago, é dicir, aproveitando algo público para cobrar por el. E así nos vai.
Por certo, en alemán aparecen dúas seccións, pero gratuítas, entre elas a correspondente a que fai ás escolas exitosas ...

Informe PISA 2009: Lo que los estudiantes saben y pueden hacer | OECD Free preview | Powered by Keepeek Digital Asset Management

Un pouco de meteoroloxía comparada en Ribadeo

Hai un par de semanas, a comezos de mes, escribía choiva escasa no que vai de ano en Ribadeo. Naquel momento, en 93 días do ano rexistrárase un total de pouco máis de 70 L/m2. Nos últimos dez días supérase longamente esa cantidade:
Vése que só entre a tarde noite do día 6 e a madrugada do sete caeron 40 L/m2.
Decalquera xeito, a choiva caída no que vai de ano non chega a superar a de ningún outro ano do século ata o momento. É dicir, en Ribadeo segue sendo o ano máis seco do século XXI. Aínda que...
a) haxa xente reclamando que pare de chover porque xa choveu moito
b) a Xunta levantara a alarma por seca
E é que nesta terra, chove!

2012/04/14

Despois da feira ...

No vídeo da 1ª Feira da ciencia de Ribadeo, o seu final indica que ó rematar unha feira comeza (a preparación de) outra. Na realidade, ambas solápanse, pois quenes pasaron pola feira saben que queda traballo ó recoller: trátase de organizar o recollido, rematalo algunhas veces, sempre levantar a memoria, ... mentras que si, xa se vai pensando na próxima edición.
Onte rematou a XVIII edición da feira, e agora, na wiki (tamén algo caerá no blog), é o momento de comezar a cargar fotos, vídeos, as memorias cando vaian estando, ... Polo momento, xa hai unha ducía de fotos que irán aumentando con seguridade ata máis dun centenar. Por certo, se queres enviar fotos da feira, hai lugar para elas.

2012/04/11

Campás de Franklin

Preparando a Feira da Ciencia (Feira da ciencia que vai na súa XVII edición), onte tomei un pequeno vídeo dunha montaxe que fixeron os alumnos sobre as campás de Franklin.

Non estará funcionando do mesmo xeito na feira: non se pode ter á vista e á man dos máis pequenos un tubo de raios catódicos dunha televisión, coas terminais conestadas de calquera xeito, e xa non lles da tempo a facer unha montaxe decente. Terminarán noutro momento, pero queda o vídeo como unha explicación de como se fai.

2012/04/09

O día nace, non se fai

De súpeto, sae o sol e elévase a temperatura. O orto é algo máis que unha palabra indicativa. É unha realidade que se deixa sentir máis do que pode arecer a primeira vista, isto é, pola luz direta que nos chega do astro rei.
As gráficas a continuación están feitas a partir dos datos dezminutais da estación meteorolóxica da granxa Escola Pedro Murias, en Ribadeo. As datas que se recolleron son da primeira parte do ano, ata o 21 de marzo, e alí pódense observar xa varias cousas relacionadas coa temperatura.
A primeira, á vista da media deses primeiros 80 días que corresponden ó inverno 2012, que a temperatura medra abondo máis rápido ó sair o Sol que despois baixa ó poñerse. Corresponde co quencemento rápido dunha capa superficial e a radiación de calor que vai diminuíndo coa temperatura, pero de xeito tan lento que case é unha recta. A variación de horario de posta e saída do Sol suaviza o efecto de inicio e fin do día.
Por outra banda, en Ribadeo o desfase entre hora solar e legal é de cousa de 1 hora e 27 minutos no inverno. É dicir, á 1 e 27 da tarde o Sol está no punto máis alto. Non obstante, apréciase na gráfica que o momento de máis temperatura ven sendo sobre as 2 e cuarto, é dicir, cun desfase entre temperatura máxima e máxima altura do Sol duns 45-50 minutos. Non s epode observar o mesmo coas mínimas, que s eproducen xusto antes da saída do Sol.
Se fraccionamos a gráfica por meses (segundo se especifica na lenda), as gráficas tremen máis polo menor número de datos, pero presentan máis exactitude nas variacións grandes de nacemento do día.
E así podemos sinalar de xeito preciso a hora do nacemento do día por termo medio en cada un dos períodos, como está sinalado na terceira gráfica, onde se pode observar mesmo que a variación de hora do orto é maior entre 0 - 30 días anteriores ó equinoccio os 30 - 60 que entre os 30 - 60 e 60 - 80. Asemade, o inicio da noite vése perfectamente que vai facéndose posterioremnte ó avanzar o ano pois a caída máis brusca do día suavízase claramente ó chegar a noite, retrasada dun a outro grupo de datos.
Hai que lembrar que as gtemperaturas son medias, aglutinando cousas como diferentes direccións do vento ou cobertura de nubes, que se se fixeran constar darían unha idea aínda máis nidia do comezo e final do día.

2012/04/06

Os metais conducen o calor mellor? Vaia que si!

Unha imaxe, mil palabras:
Unha placa de xeo posta de descoxelar apoiada no lavabo e na billa da auga, metálica. O furado que fixo, 'labrando' o xeo xusto coa forma da billa, é patente.

Cargado  para o 'el carnaval de la física' neste mes de abril levado adiante por http://laenciclopediagalactica.info

2012/04/05

Queres practicar inglés de paso que melloras en física?

Hai moitos sitios na rede, pero a cousa ocorréuseme vendo iste:
African Summer Theory Institute. 2004. Online Lectures
Boa práctica!
Un consello: alomenos nesta ligazón, non tentes descargar os vídeos, conténtate co audio.

2012/04/03

A choiva escasa do que vai de ano en Ribadeo

O que vai de ano trouxo choiva escasa en toda Galicia. Na zona de Ribadeo quizáis un pouco máis abondante que en xeral, pero aínda así escasa. Menos da metade, case a terceira parte, do ano que menos choveu da década anterior. Aí están os datos da estación que mantén a Pedro Murias do 1 de xaneiro ata onte, día 93 do ano, comparados cos obtidos dende o 2003:
É unha tendencia? Son poucos anos, esperemos que non, pero o previsto no modelo do cambio climático é que si, sexa o sinal dunha tendencia que convertiría Galicia nun país abondo máis seco.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.