2012/04/20

Un proxecto de ensino e investigación, relacionado para Xerfa 2012


Facendo e difundindo investigación - 2012

Érase unha vez … un arce. Non unha árbore, non, senón un proxecto dunha Agrupación de Centros Educativos1 (*) a nivel estatal …
Nesas andamos, este curso, tres centros, o Instituto El Cairat, de Esparreguera (Barcelona, Cataluña)2, o IES Pare Vitòria, de Alcoi (Alicante, Valencia)3 e nós, o IES Porta da Auga, de Ribadeo4, en Galicia. Este curso, e o pasado, pois é por dous cursos, aínda que existe a posibilidade de amplialo a tres.
Coido que o título di abondo do que se pretende. Para logralo, o Ministerio de Educación outorgou 8 200 € para o bienio a cada un dos centros participantes para o desenvolvemento de actividades. En compensación, o profesorado implicado en cada centro poñemos o noso traballo, e o alumnado, tamén. Uns e unhas, organizando e espoleando ás outras e outros, e os outros formándose e vivenciando de mellor xeito. Ou así debera ser e se pretende que sexa.
Polo momento, coa maior parte do tempo xa transcorrido, todo vai segundo o previsto. Como indica o título, trátase de que os alumnos teñan un trato de ti a ti con cousas que non se coñecen (nin eles nin os profesores) para coñecelas algo mellor a traverso da investigación. E iso, a mesma xente que a fai e outra que a pode arrodear: de aí o de facer, pero tamén difundir.
A idea naceu de contactos anteriores relacionados coa feira da ciencia. En particular, do paso de diversos proxectos da feira pola Galiciencia de Ourense, ó longo de varios anos, e o contacto con xente de Vigo e de Cataluña. O bo facer e o trato continuado permitiron unha elección inicial de centros que ó final non puido ser total por ter que participar centros públicos, non privados. Para compensar o anterior, seguíronse duas liñas diferentes. Unha, non prescindir totalmente do colexio Alborada de Vigo5, organizando con el os 'Foros Comunitarios' que son parte fundamental do proxecto, aínda que a súa parte teña que facela cubrindo os gastos con fondos propios dos alumnos e do centro6. Outra, o reforzar a parte institucional do proxecto dando acubillo a un centro descoñecido por nós de xeito directo, pero coñecido pola xente de Cataluña e do que, procurando información, obtivemos moi boas referencias como gañador de varios premios a nivel nacional, o IES Pare Vitòria.
Así chegou o comezos do curso 2010/2011 … sen confirmación do proxecto. O dito de que as cousas do Pazo van despazo fíxose valer unha volta máis de xeito que ía ben avanzado o primeiro trimestre cando chegou o 'si' do Ministerio. Daquela xa estaba programada a práctica totalidade de actividades relacionadas co proxecto que viñeron despois: a asistencia un ano máis a Ourense á Galiciencia en novembro, a Feira de Ciencia de Ribadeo e o Foro Intercomunitario coa visita á Coruña no día da Ciencia na Rúa7. A unha máis, a Exporecerca Xove, non presentamos ningún alumno.
Respecto á Feira de Ciencia, pódese ver cantidade de información na web do centro8, na de As Feiras de Ciencia na Galiza9 ou nos xornais do momento, como evento que foi vivido pola totalidade da comunidade educativa, participando boa parte dela de xeito direito. O curso 2010/2011 foi a XVII edición, gozando de boa saúde, presentando un montón de proxectos e intereses na reproducción, difusión e investigación de experiencias, montaxes e problemas diversos presentados por xente dende 1º ESO a 2º bac. E a XVIII edición, deste 2012, 'aínda está quente' e na memoria de todos cando se fai este escrito, continuando na mesma liña que as anteriores edicións.
Na Galiciencia10 mantida no outono do 2010, participaron tres proxectos11 diferentes de catro alumnos, que logo serían repetidos e mellorados na Feira de Ciencia. Algo semellante pasou na Galiciencia 2011, na que participaron cinco alumnos con tamén tres proxectos12. Como en anos anteriores, serviu de xeito de contacto con alumnos doutros centros, de trabar amizade e tamén saber o que se cocía neles a nivel de investigación e actividade educativa en xeral. E de pasalo ben, como pode testemuñar a xente que alí foi. Para todo hai tempo en tres días (e tres noites) en Ourense. As anécdotas, que as houbo, que as conten as implicadas ou implicados. Aquí, dicir tan só que os momentos de exposición, con visita de centros de toda Galicia, foron complementadas con baños nas termas ou unha visita a Ourense, e comentados longamente polas noites. Os proxectos pasaron polo tamiz dos organizadores, o Centro Tecnolóxico de Galicia13, que limitou o número de alumnos participantes de cada centro, a máis da elección de proxectos no interior do IES.
En canto ó terceiro e cuarto pés visibles, o Foro intercomunitario e o día da Ciencia na Rúa, tiveron lugar en maio, en San Vicente (O Grove - Pontevedra) e na Coruña respectivamente, de xeito consecutivo (os eventos deste curso 2011/2012 aínda están por chegar cando se escriben estas liñas). Ó primeiro, con alumnos dos catro centros citados (de Alcoi, Esparreguera, Vigo e Ribadeo) foron presentados 35 proxectos de investigación, e expostos secuencialmente durante dous días por xente de 4º ESO. Ó segundo, onde se uniu máis alumnado do noso centro, pero non participaron os dos outros centros, foi unha grande feira na que participaron máis de mil alumnos duns trinta centros dende o preescolar á universidade, aberta ó público coruñés e galego. Mostra na que, como xa é común, o noso IES era de abondo máis lonxe que o seguinte máis lonxano ...
Ó Foro asistiron con 13 traballos 17 alumnos de 4º ESO do Porta da Auga, que interactuaron de día e de noite cos outros participantes. De alí, o sábado, á Coruña, de onde retornou un autobús enteiro, pois na cidade uniuse a xente voluntaria que quixo, que resultou ser básicamente de primeiro de bacharelato, tanto de ciencias como de letras, pois tanto uns como outros presentaron proxectos para a feira. A xuntanza do grupo que partiu direitamente de Ribadeo co que asistiu ó Grove realizouse nunha área de servizo próxima á Coruña e foi unha cousa curiosa.
A modo de exemplo de como transcorren as actividades do proxecto, no II Foro Intercomunitario, entre outras cousas, houbo reunións correspondentes ó profesorado, realizáronse un cartel e un díptico, adiantouse ó resto dos centros un resume de cada unha das ponencias participantes para unha primeira orientación dos asistentes, houbo presentacións recíprocas dos diferentes centros, fíxose unha visita conxunta, ós asistentes fóilles entregado un diploma de participación e un detalle para lembranza, está en marcha -a piques de rematar- a edición dun libro coas fichas de todos os traballos presentados, realizouse un CD coas fotos do evento, … etc.
Quedan uns meses máis14. Neste segundo curso, o 2011/2012, básicamente estáse a repetir o xa feito o curso pasado en relación á estrutura e eventos, cambiando o Grove por O Carballiño, e non asistindo tampouco, por razóns que non veñen a conto, ós tres días da exporecerca barcelonesa. Naturalmente, está a ser totalmente novo en canto ós traballos presentados. Traballos que na súa case totalidade foron comezados este mesmo curso, e que levarán ós seus autores e autoras a outros lugares da xeografía, a compartir outras experiencias e trabar novas relacións humanas e 'de traballo'.
Antonio Gregorio Montes


(*) Este artigo refírese ó PROXECTO ARCE - Convocatoria 2010 Modalidad A “Investigación haciendo y difundiendo”, aprobado en disposición 18154 [Resolución de 18 de novembro de 2010, da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, pola que se resolve a concesión de axudas das Modalidades A e B destinadas a promover Agrupacións de Centros Educativos para a realización e posta en prática de proxectos comúns (Programa ARCE) - BOE 25/11/2010]15. Os datos están collidos do Informe progresivo 2011 do IES Porta da Auga (cód. 27010945) e dos documentos previos ó Informe final, aínda sen realizar.

6Así se deu o caso no pasado foro, celebrado en O Grove, de que os nosos alumnos viron que ían gratis (os 3 € establecidos polo centro como axuda ó desprazamento) a unha actividade que ós vigueses lles costaba abondo máis, máis de 40 €.
7De todas elas se deu nova no blog do IES, http://portadaauga.blogspot.com
14O proxecto remata oficialmente en novembro. Está previsto nas bases que se poda ampliar un ano máis, a tres, pero non habería que contar con elo.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.