2010/11/09

Tres pés para a educación

** O que segue foi publicado pola revista 'Xerfa' do IES Porta da Auga en xuño de 2005, a modo de editorial, e recollido en http://agremon.pitas.com/.**

Históricamente, a escola é algo moderno. A educación comezou sendo unha cousa de pais, que se viron axudados pola sociedade nun xeito de re-distribución do traballo para mellora do rendemento comunitario e logo a sociedade foi cristalizando un tipo de función propiamente educativa ata a extensión 'universal' da educación al como a coñecemos hoxe, con abrumadora maioría de persoas en centros especializados de diversos tipos.
En todo este proceso, débese entender que son os pais os que delegan a súa potestade educativa. Ten habido épocas (como no estalinismo ruso) nas que a sociedade era a que se atribuía a educación e delegaba por cuestións prácticas parte dela nas familias. Nembargantes ser entendido o anterior como un xeito de aberración nos tempos que corren, o certo é que a componente efectiva de cada un dos actores educativos na educación ten cambiado abondo en tan só unha ou dúas xeracións. E tamén a concepción educativa. Así, hoxe en día ténse nos nosos lares a unha familia desestructurada, tipo americano, que entende como natural o desvincularse da educación, aínda que non do seu resultado. É dicir, téndese ó 'consumo' da educación, non ó seu disfrute.
E este cambio de liña directriz é básico para diversos resultados: podemos ter alguén formado para falar inglés, valla por caso, sinxelamente porque o demandan así os poderes que tratan de dirixir a sociedade, pero non ter un individuo educado. Podemos ter unha persoa preparada para producir, pero non para levar adiante a súa propia vida. Podemos ter alguén preparado para competir, pero non para decidir por que merece a pena competir. E podemos ter tamén unha sociedade que, unha vez entendida a educación como consumo, se esqueza da compoñente de servicio e quede só a de beneficio.
As anteriores son só unhas pinceladas sobre temas candentes non só a nivel educativo, senón tamén a nivel social: a educación de hoxe implica a sociedade de mañá. Tamén é algo que debe estar na mente de todos os que formamos parte do sistema educativo, tanto alumnos como profesores. Só preguntándonos e distinguindo opcións como as ditas podemos ter un certo control sobre o que estamos a facer e nos están a facer (en ambos casos, tanto para profesores como para alumnos)
Quedan para outra edición outras cousas relacionadas. Nembargantes, mirade os artigos do interior pensando nas posibilidades e opcións que temos: veredes outra revista que non está no papel, pero que a fai posible.
Publicar un comentario
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.