2010/06/02

Cabodano da Casa das Ciencias de A Coruña

Ribadeo dista algo máis de 150 km do de A Coruña. Dentro de Galicia, quitado zonas de Ourense, é dos puntos máis alonxados desa cidade. No que vai de século, cada curso académico, polo menos tres dos catro centros de educación xeral de Ribadeo teñen feito unha viaxe didáctica á Casa das Ciencias. Difícil será atopar alguén menor de 30 anos na vila que non teña ido pola institución, e polo contrario, non será dificultoso atopar xente maior desa idade que teña pasado por alí a abrir a boca ante un mundo que non imaxinaba. Podemos á nosa volta imaxinar tamén nós e extrapolar o que ocorre no resto de Galicia.
A Casa das Ciencias cumpriu onte 25 anos aberta, as súas vodas de prata, despois de constituír quizáis, fóra da Universidade, o maior mobilizador a nivel científico de Galicia en toda a historia, acompañada das institucións irmáns, a Domus e a Casa dos Peixes, e particularmente, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, dinamizadora do conxunto co seu pulo e coas súas actividades complementarias, como o día da Ciencia na Rúa.
De todo esto, na prensa, un só escrito, asinado polo actual director da institución. E punto, para unha institución que despois dos seus vintecinco anos, segue a ver albergar o paso de milleiros de persoas tódolos días e que pode que constitúa o conglomerado que mobiliza a máis xente de xeito voluntario en toda Galicia dende hai 25 anos, ademáis da súa importancia para o desenvolvemento da formación dos galegos.
Di no seu artigo o director que continúan con ilusión. Falta fai, porque polo visto, e a pesares da labor desenvolta, queda moita tarefa por facer.
- Publicado por vez primeira en ribadeando -
Publicar un comentario
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.