2007/07/22

Catro traballos xa vellos sobre eclipses (IV): Eclipses... e eclipses

Publicado en... xaneiro de 2000?
20 de xaneiro de 2000. A poucas horas do eclipse de lúa anunciado para a madrudada do día seguinte, poucas novas había deste evento astronómico. O 21 de xaneiro, pasado o eclipse, rara vez a conversa xirou en relación coa efeméride astronómica.
11 de agosto de 1999. Cando comezou a ocultarse o Sol, non era doado atopar alguén que non soubera o día do eclipse, a hora aproximada e en que consistía. Ese día deu orixe a moitas conversas e moitas outras acabaron xirando arredor do sucedido.
En ámbolosdous casos, o eclipse foi total (en Galicia, o do pasado xullo foi só parcial). ¿Por que entón tanta diferencia de atención dos medios informativos e a xente en xeral?
O sucedido en xuño foi un eclipse de Sol e o do pasado día 21 foi de Lúa. Pode parecer non significativa a diferencia, pero marca boa parte da variación no tratamento dos medios informativos e tamén da atención xerada socialmente.
Por exemplo, os eclipses de Sol son só visibles de dia, cando hai actividade, pois implican ve-la ocultación do sol detrás da Lúa. Polo contrario, os de lúa son o efecto producido cando a terra lle tapa á Lúa a luz que lle chega do sol, e polo tanto, o noso astro ten que estar situado en medio. é dicir, se vemos a Lúa, témolo difícil para ve-lo Sol. Que un tipo de eclipses suceda de dia e outro de noite facilita que mentres un chama a atención da xente de xeito forzoso, o outro, polo contrario, leva que teña que facerse en xeral un esforzo para poder observalo.
Pero a anterior non é a única razón. O tamaño do disco que fai sombra da Terra é máis de 13 veces o tamaño do círculo lunar que nos tapa o sol. O anterior produce varios efectos. Así, fai que para un lugar da Terra determinado, a duración dos eclipses de Lúa sea maior. É dicir, a Lúa tarda máis en atravesar a sombra da Terra que o tempo que un punto da Terra sofre a sombra provocada polo noso satélite ó seu paso entre ela e o Sol.
Hai máis. Suceden moitas máis veces eclipses totais de Lúa que os correspondentes de Sol. E polo tanto, que se podan observar moitos máis (do orden dun 50%) eclipses de Lúa. Dito doutro xeito, son máis correntes. E tamén son visibles dende a meirande parte do planeta, mentras que as ocultacións solares son divisadas dende franxa abondo limitadas para o tamaño terrestre. Por outra parte, o noso satélite, coas súas fases, ténnos axeitados ás suas metamorfoses, e non constitue ningunha rareza non velo no ceo.
Outras diferencias, como que o eclipse de Sol a simple vista produza un mordisco nítido no borde do disco solar, ó mellor non chama moito a atención. ¿Por que había de chamala? Porque a parte oculta nun eclipse de Lúa vai diminuíndo de intensidade luminosa pouco a pouco. Nembargantes, ese efecto foi o signo que denotou que a Lúa non tiña atmósfera en cantidades apreciables.
O próximo 16 de xullo a Lúa volverá a desaparecer da vista de parte da Terra. Pero esa vez non nos tocará a nós observala. Dentro dun ano, nas primeiras horas da noite do 9 de xaneiro de 2001, si poderemos voltar a facelo. Será o primeiro eclipse do próximo milenio, e a unha hora moi apropiada. ¿Estará despexado?

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.