2007/04/01

Traballar en colaboración no ámbito da educación.

Na historia estúdanse casos típicos de desintegración dunha sociedade por diversas vías. Vénseme á cabeza o caso dos chamados “Reinos de Taifas” no Al-andalus, tempo no que o poder árabe fragmentouse e pasou dun esplendor e poderío conxunto a un tempo onde cada quen (entendámonos, cada parte do territorio) ía ó seu, guiado por un señor diferente. Foi un tempo no que algúns deses reinos acadou un certo renome por exemplo pola súa especialización nalgúnha arte concreta, pero nos que o conxunto musulmán na península retrocedeu fortemente, tanto en poder político ou militar como nas artes e ciencias consideradas no seu conxunto.
Cambiando de tema en apariencia, o sistema educativa no noso país básase nunha tendencia á especialización crecente coa idade dos alumnos, o que se manifesta nunha fragmentación cada vez maior da materia en cada nivel. Materia que se deixa en mans dun número tamén crecente de profesores. Ata aquí, todo natural e lóxico, asumido por todos os sistemas educativos que coñezo. Non embargantes, esa fragmentación pode levar a un equivalente dos Reinos de Taifas en educación: cada quen é dono e señor da súa materia, porque a controla; é algo así como o summun (polo menos a escala reducida) e polo tanto pode haber unha reticencia non só a que outras persoas fagan suxestións, senón aínda preguntas sobre o desenvolvemento da materia ou tema concreto. Esto pode ocorrer en profesores, pero tamén en pais, gardiáns da súa parcela de poder e do sumo coñecemento sobre os seus fillos. Non é algo típico do noso lar: noutros países teñen o mesmo problema, e mesmo os hai que tentan enfoques parellos para solucionalo, nunha gama que vai dende a nada (poñer notas reunidos) a unha coordinacón interdisciplinar forte.
Voltemos ós Reinos de Taifas. A partir da subdivisión do que era un grande califato, os mandamases de cada taifa, como medio de preservar a súa área como poder propio, tenderon a cortar a cooperación e máis ben tentaban competir ante a ameaza que representaban os outros. Eran tempos nos que non era rara a alianza entre reinos cristiáns e árabes para loitar contra outros, tamén reinos cristiáns e árabes. O que pasou, sabémolo todos: a península foi reconquistada e o que queda de aquel Al-andalus, salvo monumentais excepcións, non é moi ben considerado.
Se voltamos a aplicar de novo o anterior na educación, podemos pasar a preguntármonos se as materias illadas (e istas, illadas á súa volta da educación na casa) constitúen unha educación mantible. Ou pola contra, por bo que se poda considerar o desenvolvemento dalgunha, non deixan de ser Reinos de Taifas nos que se está a perder boa parte das oportunidades educativas e formativas das que se podería dispoñer. Exemplos para xuízo, nun centro educativo, non faltan.
Respecto do anterior, pode ser doado botar a culpa a ser educados (a xeración anterior) nun sistema cerrado, competitivo, dictatorial... pero non se debe confundir dúas cousas que tenden a xuntarse: a culpa como causa de algo e a disculpa como medio de evitar un efecto.

... e pensar que todo esto saiu cavilando sobre o uso das ferramentas de colaboración en termos de aprendizaxe-e... Neste complicado mundo no que estamos a vivir, non é só que sexa difícil ser especialista en algo, senón que non só é necesario colaborar senón tamén atallar as novidades para que os seres que están confiados nas nosas mans as usen axeitadamente (teñan ou non unha maior facilidade e naturalidade no seu uso que a xeneración anterior)

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.